Campaña
A presente campaña consisitirá no envío ao Director Xeral da CRTVG do texto que figura a continuación, asinado por todas as persoas que así o desexen.
Para asinar: aquí.
D. Alfonso Sáchez Izquierdo,
Director Xeral da CRTVG.Prezado señor:
Como galegas/os, que a través da súa achega impositiva financia os medios públicos de comunicación do noso país, dirixímonos a vostede como máximo responsable da CRTVG, para trasladarlle a nosa repulsa e denuncia da manipulación á que someteron dende ambos medios todo o relacionado coa multitudinaria e histórica mobilización convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego!, que tivo lugar o pasado domingo 18 outubro.
Se ben en termos xerais lamentamos a parcialidade e falta de pluralidade que está a caracterizar a programación, destacadamente nos espazos informativos e de debate do ente público galego, queremos trasladarlle o noso rexeitamento expreso en relación a algúns feitos concretos:
- A invisibilización deliberada das actividades desenvolvidas en 22 comarcas do noso pais pola Plataforma Cidadá Queremos Galego! dende un mes antes á convocatoria, e que contaron coa participación de centos de cidadáns. Nin a TVG nin a RG deron cobertura informativa destes actos.
- A teimudez demostrada polos Servizos Informativos por presentar a Plataforma Cidadá Queremos Galego! (integrada por unha ampla pluralidade de centos de colectivos e persoas do máis diverso signo ideolóxico), como unha marca ligada ao nacionalismo galego, obviando a súa ampla representatividade social, que por outra banda quedou máis que demostrada na propia manifestación.
- A respecto da cobertura da propia manifestación, esta foi insuficiente e parcializada, e o seu tratamento non se axustaba á dimensión real, ao contrario o que pretendía era minorizala e restarlle relevancia. Só así se pode entender que a TVG non facilitase ningunha cifra estimada de participantes, cando axencias de prensa xa estaban a facer circular o cálculo da Policía Local de Compostela, optando por un xenérico “milleiros” que tanto se podía referir a 5.000 como a 50.000. Contrasta esa decisión co feito de que en relación a outra manifestación (a dos grupos antiaborto celebrada en Madrid) a TVG si dese unha cifra, que ademais curiosamente foi a achegada pola Comunidade de Madrid presidida por Esperanza Aguirre.
- Queremos manifestarlle a nosa completa desconfianza polo feito de que fose precisamente no intre en que rematara o primeiro acto de peche da manifestación (e cando milleiros de persoas agardaban para acceder por segunda vez á Praza da Quintana, que remataron enchendo novamente) cando se inicie a conexión en directo co TeleXornal Mediodía. Admitindo a hipótese de que esta decisión non encerrase unha intención manipuladora, o certo é que a información ofrecida durante a conexión non foi veraz, xa que mentres a TVG afirmaba que a manifestación xa rematara, dende a megafonía do palco se anunciaba reiteradamente que se ía celebrar un segundo acto de peche, aspecto que foi obviado deliberadamente, nun exemplo claro de distorsión e manipulación informativa.
- Xulgamos indignante e inadmisíbel que o programa Bos Días do luns 19, cando se referiu á mobilización do domingo, afirmase textualmente que os xornalistas da TVG foran “atacados” e “intimidados”, dando a entender, claramente, que mediara unha agresión que non existiu en ningún grado. O que aconteceu durante a conexión en directo foi que os milleiros de persoas que alí estaban manifestaron a censura perante o que semellaba un acto de deliberada manipulación, exercendo o dereito á libre expresión berrando a consigna “Televisión, manipulación!” dirixido, en xenérico, ó conxunto da TVG, e non aos profesionais da información ata alí desprazados. Así mesmo, ilustrar a crónica da falsa e fabulada agresión coa imaxe do senlleiro Avelino Pousa Antelo, de 95 anos, cando este estaba a recriminarlle ao equipo da TVG a súa actuación, resulta un despropósito indecente e un insulto á intelixencia colectiva do noso pobo.
- Por outra banda, a entrevista realizada a Carlos Callón, integrante da Plataforma Cidadá Queremos Galego! e Presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, polo xornalista Carlos Luís Rodríguez no marco do programa “Foro Aberto”, foi o corolario final da vontade manipuladora omnipresente na cobertura feita polos medios de comunicación públicos do noso país. Xa que o presentador vulnerou sistematicamente os principios profesionais que deben rexer calquera entrevista, emitindo velada ou explicitamente opinións persoais, formulando preguntas capciosas e de claro sesgo ideolóxico, impedindo que o entrevistado as puidese responder e someténdoo a un xuízo ideolóxico que tiña por única finalidade descualificalo e restarlle credibilidade diante da audiencia. Esta actitude reiterada, amosada polo xornalista Carlos Luís Rodríguez, quen teima en imprimir un carácter sectario -coincidente cos intereses e posicións do Partido Popular- ao programa, lévanos a solicitarlle que proceda ao seu cese como condutor do mesmo.
Finalmente, e polo exposto, reclamámoslle que modifique a actual liña editorial da RG e da TVG, asentándoa na obxectividade, na transparencia, na vocación informativa e na pluralidade lamentablemente hoxe ausentes.
Arquivado en: Sen clasificar


Comentarios recentes